

Actuación cofinanciada polo FEMPA nun 70%. P.O. español 2021ES14MFPR001 [Prioridade 1 – OE1.6) – T.A. 1.6.3] – OIX: D.X. de Desenvolvemento Pesqueiro
Afondando no enfoque ecosistémico do marisqueo.
O novo modelo de plans de xestión do marisqueo require dun corpus teórico non centrado exclusivamente no volume dos stocks. Cómpre desenvolver novas metodoloxías de avaliación da saúde dos stocks e do ecosistema e transferir os avances acadados aos técnicos das entidades que xestionan os bancos. Os novos obxectivos biolóxicos e ecolóxicos e os seus indicadores incorporaranse ao estándar dos plans de xestión. O proxecto inclúe 7 tarefas:
1.- Estudio de stocks de bancos de libre marisqueo, dinámica de poboacións e ecoloxía das especies comerciais.
2.- Seguimento do estado de saúde das poboacións e caracterización dos ciclos reprodutores de especies de moluscos pouco estudadas.
3.- Estimación da fecundidade a partir do estudo da relación entre o tamaño dos individuos e a cantidade de ovocitos emitidos.
4.- Harmonización e mantemento de bases de datos.
5.- Incorporación da biodiversidade en substratos brandos aos plans de xestión.
6.- Estudo das relacións entre diversidade e características dos substratos rochosos e obtención dun nivel base de biodiversidade.
7.- Formación e transferencia de resultados aos técnicos das entidades do sector e da administración.
Obxectivos
1. Manter as series de datos de avaliación de stocks nos bancos de libre marisqueo nas rías de Ares, Arousa e Vigo incluíndo variables ambientais e, no caso do berberecho do banco dos Lombos do Ulla (na ría de Arousa), tamén de avaliación do estado sanitario.
2. Ampliar o abano de obxectivos e indicadores biolóxicos e ecolóxicos estándar dos plans de xestión de marisqueo.
3. Desenvolver, validar e implantar indicadores e procedementos sinxelos que permitan ampliar a aplicación da perspectiva sistémica na xestión do marisqueo.
4. Determinar o ciclo de desenvolvemento gonadal, estimar o tamaño de primeira maduración e a fecundidade de varias especies de moluscos bivalvos comerciais.
5. Mellorar o coñecemento das especies non comerciais e a súa interacción coas poboacións das especies recurso.
6. Harmonizar a información derivada do seguimento de variables relacionadas cos plans de xestión e a DMEM (anexos AT0, AT2 e FEMP) e desenvolver unha base de datos que integre esta información e que permita a súa alimentación e consulta en liña.
7. Estudar a relación da diversidade en substratos rochosos coas variables ambientais, co fin de establecer unha liña base de referencia para o desenvolvemento de futuros indicadores referidos a obxectivos ecolóxicos definidos para substratos duros.
8. Desenvolver materiais, ferramentas físicas e numéricas que faciliten a posta en práctica dos procedementos técnicos desenvolvidos.
9. Difundir resultados de obxectivos, indicadores, materiais e metodoloxías incorporados ao estándar dos plans de xestión, de xeito que se mellore a formación do persoal técnico implicado na xestión do marisqueo.